Experiencia de intervención na aula de filosofía.
GLOSARIO VISITA DIDÁCTICA EN
LIÑA UN ACHEGAMENTO Á ARTE CONTEMPORÁNEA.
O CGAC E A SÚA COLECCCIÓN
Arte
efémera: É
unha arte baseada na creación de obras que existen por un determinado lapso de
tempo. É unha arte pasaxeira, non dura no tempo, existe nun momento preciso.
Site specific: Este termo refírese a
un tipo de traballo artístico deseñado para un lugar en particular e que ten
unha interrelación única cun espazo, situación ou contexto determinado. Se se
traslada a outro lugar perde parte ou o total da súa esencia.
Instalación: É un conxunto de elementos
que conforman unha obra realizada cos máis variados materiais, soportes e
disciplinas (pintura, fotografía, vídeo, son, performance...) e que inclúe o
propio espazo (paredes, chan, luces...) como elemento de creación. En moitas
ocasións o espectador é convidado a moverse ao redor da obra, a adentrarse nela
ou a interactuar coa peza. En moitos casos motivan a percepción sensorial do
público máis aló da vista apelando tamén ao oído, ao gusto, ao tacto ou ao
olfacto.
Arte
figurativa: A
arte figurativa representa persoas, obxectos e formas que son reconocibles, que
imitan a realidade. A figuración pode ser máis ou menos realista. Non esixe na
persoa que observa ningún esforzo para comprendelo.
Arte
abstracta: En
lugar de representar figuras concretas e reconocibles do mundo real (como fai a
arte figurativa), propón unha realidade distinta a través dunha linguaxe propia
e independente de formas, cores e liñas. Non representa elementos concretos da
natureza senón que propón unha nova realidade.
Arte
expresionista: A
arte expresionista esaxera, deforma e terxiversa a realidade facéndoa
subxectiva. Busca plasmar a realidade pero non imitándoa, non de xeito similar
a ela, senón de forma pasional, desenfreada, brusca, tentando reflectir a
intimidade, o sentimento, a emoción e a visión interior do artista. Busca unha experiencia
emocional. O seu obxectivo é tamén espertar emocións no espectador. Non hai
respecto pola perspectiva, nin as formas, nin a iluminación. As cores son
fortes, estridentes, violentas, artificiais, as pinceladas enérxicas e as
texturas esaxeradas.
Performance: As performances son
accións artísticas que se desenvolven nun lugar determinado durante un tempo
concreto. Combínanse elementos de diversos campos como a música, a danza, o
teatro e as artes plásticas. A performance lévase a cabo en vivo e existe
mentres o artista realiza a súa proposta. As accións poden ser documentadas (en
vídeo, fotografía, escritos...) e ser expostas.